Preguntas

23 de dezembro de 2009
Teño tendencia a facerme preguntas que o común dos mortais non adoita facerse. Unha vez, cheguei á conclusión de que o Sol tiña "que estar moi quente", intentando traducir mentalmente esa cantidade de graos celsius. De feito, unha amiga díxome que inventaran o google answers por e para min. De novo de feito, estudei xornalismo (en fin, un mal coma outro calquera, digo eu... :) ).
Evidentemente, aplicando unha lóxica aplastante (a miña), eu cheguei a descubrir a existencia de vida (intelixente ou non) noutros planetas do universo. Non estamos sos, non! Eso si, a distancia non cha podo calcular así a ollo. Déixolles a honra a outros, como non...
Mais, estes días, a pregunta que máis me rompe a cabeza é: Diaño! Canta auga pode tragar a terra antes de converterse a miña casa nunha illa flotante entre os lameiros? É unha cuestión inquietante. Na película 2012 (mala con ganas, na miña opinión, típica americanada apocalíptica, e non me linchedes) xa vin como a codia terrestre flotaba e se desprazaba libremente sobre o planeta. E digo eu, se enchemos infinitamente o subsolo con litros e litros e litros de auga... non flotarán as nosas casas sobre este Océano Lameiro? Poderei seguir facendo surf-lameiro co coche da miña nai? É máis, terei algún día a oportunidade, de novo, de lavar o dito coche e mantelo máis de 12 horas limpo? E se a terra ten un límite de tragadeiras, a onde irá a auga que sobre? Porque parar, non vai parar de chover, auguro e adiántovos (con pouco risco de trabucarme) a xeito de exlusiva.

Sem comentários:

Enviar um comentário