Dúbida lingüística

13 de janeiro de 2010
Xa a saquei o outro día no Facebook, pero quero saber máis opinións e reflexionalo máis: Se queredes subir algo a Internet (por exemplo, fotos), diríades "colgar" ou "pendurar"? Esta última versión non a teño visto, pero ocorréuseme nun dos meus momentos de iluminación, e penso que estaría ben debatilo.

Por unha banda, temos que "colgar" aparece definido así no Dicionario de Ir Indo:
1 v t Colocar algo ou a alguén de xeito que se sosteña sen apoiar a súa parte inferior. Tm v pron.

2 v t Matar a alguén suspendéndoo polo pescozo. Tm v pron.

3 v t Cortar a comunicación telefónica colocando o auricular no seu soporte.

4 v i Estar algo ou alguén suxeito nun sitio por unha parte quedando libre pola inferior.

5 v pron col INFORM Bloquearse o funcionamento dun ordenador.

SIN: dependurar, pendurar, suspender (cult), aforcar, enforcar, cangar, cargar, imputar (cult), dependurar, pender, pendurar, aforcarse, enforcarse.
ANT: descolgar, despendurar.

Deste xeito, penso que estariamos dando (case) un novo significado á palabra "colgar". Se vos fixades, no apartado de sinónimos aparécenos xa o termo que se me ocorreu, "pendurar". Vaiamos, pois, de novo ao dicionario, e vexamos que nos di de "pendurar":

1 v t Poñer algo nun lugar elevado de modo que a súa parte inferior non toque o chan.

2 v i Estar colgada unha cousa.

SIN: suspender, colgar, pender.

Et voilà, xa temos o que nos facía falta para, alomenos, soster este debate. A definición segunda rewmite directamente á definición de "colgar". Polo que, eu entendo, non habería problema en utilizar este segundo termo. Así poderiamos dicir: "Teño as fotos da viaxe penduradas en Facebook".

Agora só me falta a opinión ou postura dun filólogo, un lingüista ou un entendido ou experto no tema das linguas. Mais tamén querería saber as vosas impresións.

Galiza negra e tropical

8 de janeiro de 2010
Fíxome gracia este berro (coñeiro) no seu día, que tentaba mofarse dos contrarios á chegada de inmigrantes de países africáns ou sudamericanos (Curioso nun país emigrante, debe de ser que os partidarios desa "sociedade pura" non tiveron que despedir a ningún parente, pero non vén agora ao caso...).

Tamén me fai moita gracia, a pesar do quecemento global do planeta, que cada ano eu pase máis frío, aínda que tamén pode ser cousa da idade, oes. Pero creo que non! Porque me parece que non vía nevar deste xeito desde que tiña uns cinco ou seis anos. Lembro termos feito un bonequiño de neve, ben pequecho, iso si, na dos meus avós. Isto sen contar os anos que botei fóra, of course, xa que alí vin a neve abondo a miúdo! E os coches "escarchados", tamén!

O ano pasado, iso si, subín ao monte Xalo (fronteira natural entre os concellos de Culleredo, Carral e Cerceda), xusto nestas datas, para disfrutar dunha boa capa de neve que axiña convertín en bolazos. Fotos teño como testemuña daquel acontecemento. En fin, daquela foi máis neve, pero en menos amplitude de tempo. E as moreas de xeo, de diverso grosor, si que non as lembro.

Hoxe saín da miña casa arredor das 10 da mañá, primeiro coa sorpresa de que miña irmá levará o coche que me correspondía porque o seu tiña un par de centímetros de xeo. Así que sacamos botella de absenta e veña darlle. Pero non lle cheghou! O borracho del aínda quería máis! Así que, tarxeta de bus en man, limpouse o coche a base de rañar. E polo camiño fun deixando ricos granizados naturais...!

Despois puiden enteirarme de que en Santiago andaban un pouco illados do resto do mundo, e que un avión que non puidera aterrar en Alvedro, fixérao en Santiago, mais non había autobús que arrancara de alá, así que vai ti saber o que fixeron ao final. Creo que non teño posibilidades de ir até a capital de Galicia agora mesmo, agás que o intente vía autopista (AUDASA somos todos?). Pero como non o necesito, non me vou romeper moito a cabeza. Déixovos cun vídeo da Televisión de Galicia onde se pode ver o juapo que quedou Santiago de Compostela (ou compontelas como puedas...).

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Con este panorama, non haberá nada mellor que un bon colacao quentiño (burning, burning) ou nescuic, como é o meu caso, que faga das súas no corpo. Ou sempre nos quedará o arrimarse, como solución antiga e de incuestionable efectividade. Fagades o que fagades, ABRIGÁDEVOS BEN!

Preguntas

23 de dezembro de 2009
Teño tendencia a facerme preguntas que o común dos mortais non adoita facerse. Unha vez, cheguei á conclusión de que o Sol tiña "que estar moi quente", intentando traducir mentalmente esa cantidade de graos celsius. De feito, unha amiga díxome que inventaran o google answers por e para min. De novo de feito, estudei xornalismo (en fin, un mal coma outro calquera, digo eu... :) ).
Evidentemente, aplicando unha lóxica aplastante (a miña), eu cheguei a descubrir a existencia de vida (intelixente ou non) noutros planetas do universo. Non estamos sos, non! Eso si, a distancia non cha podo calcular así a ollo. Déixolles a honra a outros, como non...
Mais, estes días, a pregunta que máis me rompe a cabeza é: Diaño! Canta auga pode tragar a terra antes de converterse a miña casa nunha illa flotante entre os lameiros? É unha cuestión inquietante. Na película 2012 (mala con ganas, na miña opinión, típica americanada apocalíptica, e non me linchedes) xa vin como a codia terrestre flotaba e se desprazaba libremente sobre o planeta. E digo eu, se enchemos infinitamente o subsolo con litros e litros e litros de auga... non flotarán as nosas casas sobre este Océano Lameiro? Poderei seguir facendo surf-lameiro co coche da miña nai? É máis, terei algún día a oportunidade, de novo, de lavar o dito coche e mantelo máis de 12 horas limpo? E se a terra ten un límite de tragadeiras, a onde irá a auga que sobre? Porque parar, non vai parar de chover, auguro e adiántovos (con pouco risco de trabucarme) a xeito de exlusiva.